Amencer-ASPACE galardoada co premio “Pontevedreses Distinguidos” que cada ano concede o Diario de Pontevedra

         O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, clausurou hoxe os premios “Pontevedreses Distinguidos” que este ano recaeron, entre outros galardoados, na Asociación de Atención a Persoas con parálise cerebral Amencer-ASPACE.

“Pontevedreses Distinguidos”
“Pontevedreses Distinguidos”
         Núñez Feijoo quixo destacar especialmente a traxectoria de compromiso da entidade coas persoas con discapacidade e dixo que “Amencer-ASPACE constitúe un referente ético” e agradeceu o labor desempeñado pola entidade ao longo dos seus 20 anos de existencia.

         No marco do Liceo Casino, Núñez Feijoo asistiu á convocatoria anual que celebra o periódico Diario de Pontevedra. Estivo acompañado polo alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, entre outras autoridades.

         Amencer-ASPACE, Martín Códax, Museo de Pontevedra, a Xeración do 61 do Pontevedra CF e Manuel Fernández Areal foron os principais protagonistas da noite.

          Ante centos de persoas, os galardoados a título individual e colectivo recibiron de mans de diferentes autoridades o recoñecemento a unha labor empresarial, cultural, deportiva e social, respectivamente. Como recoñeceu o presidente do executivo galego “Galicia é a suma de historia coma estas, nas que todos temos que asumir unha parte da transformación e prosperidade do noso país”.