Federación ASPACE-Galicia manifesta o seu desacordo co recorte na cobertura da Lei da Autonomía Persoal anunciado polo Goberno

         A raíz das medidas anunciadas polo Presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, a Federación Galega de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE-Galicia) manifesta o seu total desacordo co recorte na cobertura da Lei da Autonomía Persoal e Atención á Dependencia e a supresión dos efectos retroactivos das prestacións económicas da Lei.

 

         Con esta medida adoptada polo Goberno, prexudícase a un amplo colectivo de usuarios e beneficiarios desta Lei que están esperando dende fai meses un recoñecemento dos seus dereitos, que non se produciu debido á lentitude coa que as comunidades autónomas teñen abordado a tramitación das axudas recoñecidas en dita Lei.

         Dende Federación ASPACE-Galicia defenderemos os dereitos adquiridos e consolidados polos beneficiarios da Lei e agardamos que este recorte non afecte ás solicitudes das persoas en situación de dependencia que se realizaron con anterioridade á modificación legal presentada, dado que atentaría de maneira moi grave contra os seus dereitos.